|
|
|
A novela Morir en agosto está escrita baixo o influxo de escritores que el admira (Roberto Bolaño, Enrique Vila-Matas, Javier Marías) e coa pretensión de cuestionar os lindes da ficción narrativa. Un deses admirados escritores, Enrique Vila - Matas, prologuista de Morir en agosto, considera que Javier Martín, como a súa criatura ficcional, Santos Puebla, pode ter algo de bartleby (escritores que renuncian a escribir porque coidan que facelo é inútil), pero que no fondo se recoñece como escritor, un escritor de raza, e que a súa novela se acubilla e asemella na súa estrutura a unha das grandes pezas ficcionais dos últimos tempos, Los detectives salvajes de Roberto Bolaño, así mesmo criatura literaria de Javier Martín.. A novela dá comezo cunha diáfana declaración de intencións: o escrito ten efectos sobre a realidade. O imaxinado e o fantástico contaminan ao que por convención chamamos verdadeiro. De estructura fragmentaria, Morir en agosto permítenos coñecer o conflictivo itinerario existencial do seu protagonista, Santos Puebla, un esquivo escritor con méritos para figurar na nómina dos bartleby de Vila-Matas, e que dedica a súa vida a idear unha novela da que fala todo o mundo pero que ninguén leu porque Santos Puebla nunca foi capaz de escribila e son os seus propios personaxes os que empezan a construíla.
E entre eles, narradores como Roberto Bolaño, Vila-Matas, Javier Marías ou
Cortázar, que xorden con voz propia, non tanto como personaxes senón como
interlocutores dun narrador que pouco a pouco vai desaparecendo. Homenaxe
pois á literatura nunha novela poboada de escritores desarraigados e ao
garete. Morir en agosto convértese pois nunha nova proba da tendencia da
ficción a alimentarse da literatura. Escritores reais protagonizan as
tramas de moitas das actuais ficcións. A novela non fai máis que confirmar
as querencias da actual narrativa. |